Friday 03 de May de 2024

Fene responde ben ante o Coronavirus


De momento o concello está respondendo ben á aplicación do plan autonómico de emerxencias, que supuxo o peche da hostalaría, superficies comerciais e establecementos de lecer, entre outros. Permanecen abertos aqueles definidos na orde publicada onte á noite no DOG nº 50Bis: tendas polo miúdo de alimentación, supermercados, quioscos, farmacias, estancos, gasolineiras… Nelas vese actividade sen colas excesivas.

Estivemos no súper de San Valentín a media mañá e, malia estar concorrido, non se observaban carros excesivamente cheos e os andeis estaban ben aprovisionados de practicamente todos os produtos alimentarios e de primeira necesidade. Como debe ser.

Con todo, segundo informou a Policía Local, esta mañá si se produciron momentos de aglomeración no supermercado do polígono do Vilar do Colo, tanto no interior como na zona de aparcamento. Por esta razón insistimos no chamamento lanzado pola Xunta e o Estado para que non se fagan acopios masivos e innecesarios, de que se limiten ao imprescindible os desprazamentos e tamén as reunións de varias persoas.

Recordamos ademais as medidas básicas de hixiene: lavar ben as mans con xabón, esbirrar nun pano desbotable ou contra a parte interior do cóbado, non tocar os ollos ou o nariz e, de ter algún síntoma, evitar o contacto próximo con outras persoas.

Se alguén nota algún dos síntomas descritos para o coronavirus -febre, tose ou dificultade para respirar- debe manter a calma, non acudir ao hospital nin ao centro de saúde. En vez diso débese chamar ao teléfono de información 900 400 116.

Pídese que esta liña se empregue só se se teñen síntomas. Insistimos: só se se teñen síntomas, non para facer consultas xenéricas sobre a enfermidade e o seu avance que só conseguen que a atención telefónica se sature.

Para urxencias ou para o caso de que a sintomatoloxía curse de forma máis grave -algo que non é habitual se se goza de boa saúde ou se non se teñen outras afeccións respiratorias, cardíacas ou as defensas baixas- debe chamarse ao 061, onde nos indicarán como actuar e activarán de inmediato o dispositivo de atención.

Deixámosvos aquí os enlaces coa información que debemos coñecer todas e todos:

Web do SERGAS sobre o coronavirus: https://coronavirus.sergas.gal/

Web do Ministerio de Sanidade: https://www.mscbs.gob.es/…/alertasActual/nCov-China/home.htm

DOG nº50bis do 13/03/2020:
https://www.xunta.gal/…/…/2256/AnuncioG0244-130320-1_gl.html